11 oct 2013

COMPOSICIÓN E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN

OLA FAMILIAS!!: BENVIDAS A ESTE CURSO 2013-14!!!!!. COMA TÓDOLOS ANOS TENTAREMOS INCLUÍR NO NOSO BLOG INFORMACIÓN DO VOSO INTERESE. PODEDES FACER ENTRADAS CON SUXERENCIAS, QUE SEMPRE SON MOI ÚTILES.

Este curso decidimos informar a todas as familias acerca do que é o Departamento de Orientación. Para isto fixemos chegar a todo o alumnado uns trípticos coa seguinte información. Agardamos que sexan de interese, tanto para as familias de nova incorporación ao noso centro coma para as que xa nos coñecen.
Quen somos?
O Departamento de Orientación é un servizo de atención ao alumnado e de asesoramento permanente ao profesorado e ás familias da nosa comunidade educativa.
 Está composto por:  
  • A Orientadora: coordina e xestiona todo o relacionado co Departamento. Estará neste centro os luns, mércores e venres. É un posto provisional ocupado este curso por Celia Ledo Rodríguez.
  •  O especialista en Audición e Linguaxe: Potencia as habilidades comunicativo-lingüísticas e intervén nos problemas da linguaxe e comunicación. Estará no centro os martes, mércores e xoves. Tamén é un posto provisional, ocupado este curso por Arturo Piñero Bastos. 
  • A especialista en Pedagoxía Terapéutica: Traballa co alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo. Este posto o ocupa Chús González Puga
  •  Coordinadores/as de ciclo. Representan ao profesorado de Infantil e Primaria do centro. Hai unha coordinadora en EI, unha no 1º ciclo de EP, unha no 2º e un coordinador do 3º ciclo de EP.   Reunímonos unha vez por trimestre como mínimo, máis unha reunión ao comezo de curso e outra ao final. Así mesmo a orientadora, PT e AL reunímonos tódalas semanas para coordinar os apoios levados a cabo co alumnado e axustar a resposta educativa. Estes postos tamén mudan todos os cursos, en función de quen se decida que os ocupe. Así, este curso están Ruth Costa Pascual, Beatriz Cabaleiro Gómez, María Ángeles González Martínez e Fabián Gallié.

     Cales son as nosas principais funcións?
  •  Valorar as necesidades educativas do alumnado e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención.
  •  Deseñar accións encamiñadas á atención temperá e á prevención de dificultadoes e problemas de aprendizaxe.
  •  Ofrecer soporte técnico ao profesorado.
  • Participar na elaboración do Proxecto Educativo do centro, incidindo na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, nos principios de avaliación e na adecuación dos criterios de promoción.
  • Apoiar e Asesorar ao alumnado para afronta-los momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade.

Cando podedes solicitar as familias a nosa intervención?
Cando exista un problema ou precisedes asesoramento en temas que poidan influír no rendemento académico coma:
◊ Dificultades de Aprendizaxes.
◊ Ciumes entre irmáns.
◊ Conduta.
◊ Dificultades na linguaxe.
◊ Control de esfínteres.
◊ Separación ou divorcio.
◊ Adopción.
◊ Técnicas de estudo.
◊ Dúbidas na educación dos/as vosos/as fillos/as.